Non hai nada que se poida comparar á palabra e á comunicación.
Non hai nada comparable a poder falarlle á persoa adecuada no momento adecuado no que a persoa a quen se fala ten ganas de escoitar, e a persoa que fala desexa falar
.

Carmen Martín Gaite: Nubosidad variable

 

QUEN SOMOS

EspazoAberto nace no ano 2006 grazas á motivación e asociación das psicólogas Elena Piñeiro Reiriz e María Martínez Cortizo quen se sentían coas capacidades e experiencia suficientes para iniciar un proxecto na súa cidade que dese resposta ás necesidades de atención psicolóxica do seu contorno.

Hoxe en día, con máis de 12 anos de percorrido, EspazoAberto desenvolve con éxito ou seu propio modelo e protocolo de traballo converténdose nun centro de referencia na comarca do Barbanza. Actualmente está formado por un equipo multidisciplinar que permite avaliar e intervir en dificultades de carácter psicolóxico, evolutivo ou de aprendizaxe desde un enfoque integral.

EspazoAberto conta cun equipo de traballo altamente cualificado e con anos de experiencia en psicoloxía, pedagoxía e logopedia que intervén en diversos ámbitos: psicolóxico, educativo, formativo, dificultades da linguaxe e aprendizaxe ou trastornos do desenvolvemento. (ver equipo)

OS NOSOS PRINCIPIOS

Tratamento personalizado

As familias e persoas que piden os nosos servizos son únicas, así como as súas circunstancias.(leer más)

Traballo en equipo

Ao ter unha visión integradora e complementaria o noso equipo apóiase e supervísase mutuamente. (leer más)

Psicoterapia integradora

Somos un equipo multidisciplinar; formado e nutrido de diferentes correntes e escolas. A nosa perspectiva integradora engloba diversas técnicas e enfoques psicoterapéuticos. leer más)

Traballo en rede

Somos un equipo aberto a cooperar con outros profesionais involucrados (docentes, orientadores, persoal médico...) cando o caso así o require.(leer más)

Formación Continuada

O noso equipo está en permanente formación(leer más)

A persoa como motor de cambio

Cremos que todas as persoas teñen a capacidade de cambiar.(leer más)

NUESTRO PROTOCOLO

TERAPIA INFANTO XUVENIL

A infancia e a adolescencia son etapas moi importantes no desenvolvemento humano. Comézanse a construír os cimentos da nosa personalidade e canto máis firmes e estables sexan eses cimentos mellor nos asentaremos nun futuro.

Grazas aos estudos sabemos que unha infancia feliz é a mellor prevención de enfermidade na idade adulta.

Nestas etapas enfrontámonos a innumerables cambios. Xa non só os cambios físicos que se suceden rapidamente, senón a cambios psíquicos (o cerebro crece e desenvólvese de xeito vertixinoso durante esta etapa) e cambios no contorno (escola, familia, sociedade). Todo isto require dun acompañamento por parte das persoas que educan, coidan e queren.

En ocasións suceden eventos, situacións, circunstancias que poñen en risco a estabilidade deses cimentos e necesítase unha axuda especial para poder volvelos estabilizar e seguir adiante.

O tratamento infanto-xuvenil pode ser eficaz en situacións de malestar tanto persoais, familiares como escolares, como por exemplo:

  • Problemas de conduta: tratamentos integrais para condutas definidas como hiperactividade, impulsividade, agresividade, conduta oposicionista, desafiante, antisocial.
  • Problemas emocionais: traumas infantís, terrores nocturnos, alteracións do sono, medos, fobias depresión infantil, ansiedade, tics nerviosos, manías, acoso escolar, trastornos da conduta alimentaria, estrés emocional.
  • Crises relacionadas con eventos familiares (loito, separación, enfermidades, etc.)
  • Dificultades de aprendizaxe: dislexia, déficit de atención, disgrafía, dificultades para a adquisición da lectoescritura, discalculia, etc.
  • Dificultades da linguaxe: dislalias, disartrias, disfluencias, trastorno específico da linguaxe, trastorno pragmático da linguaxe, retraso na adquisición da fala e da linguaxe.

A avaliación e posterior tratamento do caso dependerá do motivo de consulta e das conclusións da valoración.

Imos coñecer a nena, neno ou adolescente e intentar dar resposta e solucionar

cunha intervención orientada á infancia pero na que os pais teñen un papel primordial, xa que participarán e se comprometerán co proceso en todo momento.

A abordaxe en psicoterapia infantil vai ter o xogo como principal recurso, xa que este é unha vía de comunicación natural e espontánea das primeiras etapas de desenvolvemento.

En terapia coas e cos adolescentes tratamos de centrarnos nos seus intereses ben desde o xogo, a palabra ou dinámicas orientadas a traballar temas específicos.

TERAPIA DE ADULTOS

Cando unha persoa pide axuda psicolóxica deu o primeiro paso para encontrarse mellor. O seu primeiro recurso foi pedir axuda. En Espazo Aberto entendemos a psicoterapia como un proceso de aprendizaxe para solucionar os motivos de malestar que nos levaron a solicitar unha axuda especial.

En EspazoAberto entendemos a psicoterapia como un proceso de aprendizaxe que axuda a unha persoa a solucionar os motivos que lle xeran malestar. Este pode ser debido a unha situación de estrés ou de índole emocional como tristeza, inseguridade, baixa autoestima, mal manexo da ira, etc. que levan a unha persoa a solicitar unha axuda especial ou pode ser derivado dun trastorno psicolóxico que requiran dun tratamento especializado.

O noso modelo de abordaxe pon o foco tanto no pasado, para poder comprender, como no presente, para poder cambiar.

TERAPIA DE PARELLA

As relacións de parella nacen da necesidade de apego de protección e estas relacións son en si positivas para un bo desenvolvemento da personalidade e da saúde.

Entendemos a parella como a unión de dúas persoas que libremente decidiron unirse en base a uns acordos e condicións tanto explícitas como implícitas. Non obstante cada persoa é diferente e trae consigo un significado do amor ideal diferente, así como a maneira de vivir e manifestala. Polo tanto facer parella non é fácil.

Para poder estruturar un vínculo sólido debemos aceptar os ciclos da parella e as necesidades cambiantes de ambas as partes. Nestes cambios xéranse conflitos que se non se xestionan correctamente poden arrastrar crises sen resolver durante moito tempo. A terapia de parella axuda ao entendemento e resolución deses conflitos.

O terapeuta imparcial e neutral acompaña no proceso a ambas as partes para chegar á mellor solución posible. Axuda a desatascar situacións e a que as partes poidan comprender ao outro e a eles mesmos ofrecendo novos recursos para afrontar as situacións que xeran malestar.

TERAPIA DE FAMILIA

En ocasións, as dificultades persoais van máis alá do individuo e atinxen a todos os membros da familia. Os conflitos son familiares e por isto a intervención terapéutica debe ir dirixida a toda a familia.

A terapia familiar propón un cambio nas pautas de comunicación e nos modos de relación disfuncional das familias. O obxectivo é traballar cos problemas que xeran tensión, incomprensión e malestar na familia favorecendo o entendemento das necesidades de cada un e axudando a empatizar cos demais. Os problemas máis habituais son afrontar etapas de transición de desenvolvemento da familia ou acontecementos estresantes e/ou traumáticos como separacións, enfermidade ou morte dun ser querido.

Promóvense a realización de cambios que melloren as súas relacións e que se involucren todos no proceso, o que axuda a minimizar os tempos de intervención e a dotar a cada un dos membros de recursos novos para mellorar o entendemento.

INTERVENCIÓN PSICOEDUCATIVA

Entendemos as dificultades de aprendizaxe desde un enfoque comprensivo e integrador que implica atender os aspectos pedagóxicos e emocionais que interfiren no rendemento escolar.

Este servizo está orientado para avaliar, diagnosticar e intervir sobre os Trastornos Específicos do Aprendizaxe como a dislexia, expresión escrita, disgrafia, discalculia….

Así como en trastornos por Déficit de Atención e Funcións Executivas como memoria, flexibilidade cognitiva, planificación da conduta, toma de decisións... Tan necesarias para desenvolvernos no noso contorno e conseguir os nosos obxectivos.

O servizo tamén está dedicado á aprendizaxe de Técnicas de Estudo. Estas estratexias están destinadas a optimizar o rendemento académico e a capacidade de aprendizaxe a través de técnicas dinámicas e entretidas.

En Espazo Aberto contamos cos mellores instrumentos de avaliación para poder detectar de forma eficaz as diferentes dificultades que interfiren na aprendizaxe. Os nosos profesionais fórmanse e recíclanse continuamente nos últimos estudos, test, estratexias e técnicas para poder dar a mellor resposta ás demandas dos nosos clientes.

Somos partidarios do traballo en rede cos distintos profesionais que interveñen no desenvolvemento do neno. Facemos un seguimento continuo de cada caso, informando a pais e profesores da traxectoria da nena ou neno durante a intervención.

En Espazo Aberto traballamos coa Terapia de Movementos Rítmicos, creada polo psiquiatra sueco Harald Blomberg, para a integración dos reflexos primitivos.

Os reflexos primitivos son movementos estereotipados, involuntarios, controlados desde o tronco encefálico, que se desenvolven durante o embarazo e os primeiros meses de vida. Moitos están presentes no nacemento e iranse integrando gradualmente ata o terceiro ano de vida.

Os nenos que por algún motivo non puideron facer estes movementos de pequenos ou que non os fixeron o tempo suficiente, poden desenvolver no futuro dificultades de aprendizaxe, motrices, problemas de atención, emocionais ou de relación debidos a unha inmaturidade do cerebro e a reflexos primitivos retidos.

A Terapia de Movementos Rítmicos trata de axudar o neno a superar as súas dificultades volvendo á orixe do seu desenvolvemento, revivindo etapas de maduración, a través da estimulación sensorial e do movemento. Esta terapia, activa e estimula as zonas máis primitivas do cerebro para crear conexións de calidade que conecten con áreas do cerebro máis evolucionadas. Polo que a Terapia de Movementos Rítmicos contribúe a mellorar Problemas de atención, Hiperactividade, Déficit de atención, Dificultades na lectoescritura, Dificultades motrices, Estrabismo, Miopía, Tensión ocular, Problemas emocionais, Incapacidade para controlar impulsos, Fobias, Tensións musculares, Escoliose, Enurese... entre outros.

INTERVENCIÓN LOGOPÉDICA

A logopedia é unha disciplina sanitaria que se ocupa da prevención, avaliación e tratamento dos trastornos da comunicación, a linguaxe, a fala, a voz, a audición e das funcións orais asociadas.

Un logopedista presta servizos tanto á poboación infantil como adulta, sexa cal for a orixe dos trastornos da comunicación.

No mesmo sentido, referímonos a dificultades e trastornos da linguaxe (ou fala) a os problemas da comunicación ou outras áreas relacionadas, así como as funcións motoras orais, a dificultades na produción dos sons requiridos para falar ou problemas na calidade da voz.

Algunhas das áreas de intervención son:

Linguaxe oral

  • Retrasos da linguaxe
  • Trastorno Específico da linguaxe
  • Afasias

Fala

  • Trastornos da fala e a articulación (dislalias, disglosias...)
  • Trastornos da fluidez
  • Tartamudez temperá e adulta 

Voz:

  • Disfonías
  • Técnicas de reeducación vocal

Comunicación

  • Sistemas de Comunicación Alternativos ou Aumentativos de Comunicación (SACC)
  • Trastornos da comunicación verbal e non verbal (pragmáticos ou asociados a outras patoloxías)
  • Habilidades sociais

Audición

  • Hipoacusias

Terapia Miofuncional:

  • Respirador bucal
  • Deglutición atípica
  • Parálises faciais

Linguaxe Escrita e Dificultades de Aprendizaxe:

  • Retraso Lector
  • Dislexia
  • Disgrafía
  • Disortografía
  • Discalculia
  • Técnicas de estudo

Outras patoloxías obxecto de intervención en linguaxe, comunicación e procesos cognitivos son: Trastornos do desenvolvemento, Trastornos do Espectro do Autismo, Síndrome de Down, déficit ou deterioro cognitivo, TDAH, Alzhéimer, Párkinson, Ictus (ACV).

FORMACIÓN

En Espazo Aberto levamos anos elaborando e poñendo en marcha accións formativas que nos encargan diferentes entidades e organizacións.

Realizamos formacións dirixidas ao desenvolvemento e mellora persoal en diferentes ámbitos. Entre os nosos proxectos formativos encóntranse:

  • Formación en mediación: Realizamos a formación en formación en charlas, talleres e mediación en centros de ensino. Colaboramos como docentes co Consello Galego de Avogacía para a formación en mediación de avogados en diferentes cidades.
  • Formación en Habilidades Sociais e Comunicacións: Ao longo destes anos impartimos formación a medida para diferentes concellos, na Área de Xuventude e Servizos Sociais.
  • Formación para Pais en Comunicación: Impartido conferencias e cursos para pais con fillas e fillos adolescentes.
  • Colaboración Docente nas Escolas de Terapia Familiar . : Levamos anos impartindo o módulo “A persoa do terapeuta” e “O xogo como ferramenta terapéutica”

As nosas accións formativas caracterízanse polo seu dinamismo e carácter práctico. O que nos distingue doutras empresas é que o noso traballo día a día coas dificultades e recursos das persoas ás que tratamos son a nosa inspiración e sempre procuramos exemplos reais que chegan máis alá da teoría.

Realizamos accións e presupostos á medida segundo as necesidades dos nosos clientes.

Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros para a) mellorar a navegación b) obter datos estatísticos a partir del. Pola navegación acéptase o uso, se non desexa o uso de cookies pode configurar o navegador segundo informa a nosa Política de Privacidade Configurar pechar |