Nosoutras

Somos un equipo de profesionais psicólogas, psicoterapeutas psicopedagogas e outras profesións afíns.

O noso obxectivo é a atención e tratamento psicolóxico á infancia, adolescencia, parella e familia desde un enfoque integrador.

 

ELENA PIÑEIRO REIRIZ

“Cando as inseguridades e os medos se converten en certezas e ilusións, sabes que estás no teu camiño e por fin, respiras o aire máis puro e fresco que poidas imaxinar”

Socia fundadora de Espazo Aberto. Licenciada en Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela en 1999 e cunha ampla formación de posgrao: formada en Psicoterapia Familiar na prestixiosa escola de Mara Selvini Palazzoli en Milán ( Italia). Máster en Intervención, Asesoramento e Mediación Familiar, Especialista Universitario en Intervención en Infancia e Adolescencia. Forma parte do rexistro de Mediadores da Xunta de Galicia e do Programa de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Durante estes anos especializouse no tratamento do trauma tanto en adultos como en nenos, formándose cos mellores especialistas en Teoría do Apego, Trauma e EMDR.

Está acreditada para exercer a súa profesión polo Colexio Oficial de Psicólogos (colexiada G-3537) e en posesión do certificado para o exercicio da actividade sanitaria segundo a Lei de economía social 5/2011 disposición adicional 6ª para o exercicio da actividade sanitaria.

Podes consultar o seu C.V. completo e a súa experiencia laboral no seu perfil de

MARIA CORTIZO

“Entendo a psicoterapia como a creación dunha relación auténtica, respectuosa e empática que axuda ás persoas no seu propio proceso de desenvolvemento e axuste”

Socia fundadora de Espazo Aberto. Licenciada en Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Psicóloga sanitaria. Formación posgrao de Experta en Psicoloxía da Saúde, Experta en técnicas de avaliación e intervención psicoeducativa en contextos escolares e sociocomunitarios e Experta en psicoterapia infantil e adolescente.

Especializada na avaliación e intervención terapéutica con menores e familias con máis de 12 anos de experiencia como terapeuta no tratamento de nenos, adultos e familias. Durante estes anos especializouse na avaliación e tratamento de dificultades de aprendizaxe, emocionais e de conduta así como alteracións no desenvolvemento, o vínculo de apego e as relacións persoais. Formación específica en terapia de Xogo e membro da Asociación internacional de Terapia de Xogo. Formación en EMDR e membro da asociación europea de EMDR

Está acreditada para exercer a súa profesión polo Colexio Oficial de Psicólogos (colexiada G-3538) e en posesión do certificado para o exercicio da actividade sanitaria segundo a Lei de economía social 5/2011 disposición adicional 6ª para o exercicio da actividade sanitaria.

ISABEL PREGO POUSO

“Se un neno non pode aprender da maneira que ensinamos, quizais debamos ensinarlles da maneira na que eles aprenden”

Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 2009. Coordinadora do Servizo Psicoeducativo de Espazo Aberto. Especializada en Psicoloxía Educativa con Certificado de Aptitude Pedagóxica pola Universidade da Coruña no ano 2009. Posgrao en Trastornos da linguaxe escrita, Dislexia polo Instituto Superior de Estudos Psicolóxicos. Experto Universitario en Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) pola Universidad Internacional de la Rioja. Experta en Técnicas de Estudo. Formada en Reflexos primitivos e terapia de movementos rítmicos /Sensorio motriz

Especializouse na intervención e avaliación de Dificultades Específicas da Aprendizaxe e TDAH. Recibindo ampla formación en Trastornos da lectura, Trastornos da escritura, Discalculia, Intervención Emocional e da conduta nas DEA, TDAH e Funcións Executivas. Estimulación en Trastorno Específico da linguaxe, Pragmática, Sistema de Comunicación de Intercambio de Imaxes (PECS), Psicomotricidade e Estimulación Temperá entre outros.

SILVIA ALVAREZ OTERO

“Os trastornos da fala e a linguaxe son a miúdo “invisibles”, tanto é o muro que levanta e que limita o desenvolvemento da persoa. Poder axudarte a derrubar ese muro e acompañarte a escalalo é o motor que nos move a mellorar o “saber facer”

Graduada en Logopedia na Universidad Pontificia de Salamanca. Diplomada en Educación Social e Licenciada en Psicopedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Comunicación, Linguaxe e as súas patoloxías na Universidade da Coruña, acreditada polo Colexio Oficial de Logopedas de Galicia, Nº 15/0613

Durante estes últimos anos especializouse e formouse en diferentes áreas a través de cursos e xornadas impartidas por profesionais de gran relevancia nos ámbitos de Dificultades de Aprendizaxe, Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), Trastorno Específico da linguaxe (TEL), Pragmática, Tartamudez Infantil e Adulta, TDAH, Dislexia, entre outros.

Experiencia en avaliación e intervención psicopedagóxica e logopédica, acompañamento e asesoramento familiar en dificultades do desenvolvemento, comunicación, fala e a linguaxe.

Podes consultar o seu C.V. completo e a súa experiencia laboral no seu perfil de 

CRISTINA LUSTRES

“Axudar a nenos no seu desenvolvemento educativo, guiándoos para que logren as súas metas e que o agradezan cun sorriso, é do máis gratificante”

Licenciada en Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2012. Formación complementaria de: Ciclo Superior de Animación Sociocultural en Santiago de Compostela, curso de “Retos actuais na inclusión social da infancia en risco: a lei do menor, reflexións, medidas e procedementos” pola Universidade de Santiago de Compostela.

Coordinadora Pedagóxica para o Concello de Porto do Son durante o ano 2017 no “Programa Complementario de Educación e Apoio Familiar dirixido á Inclusión Social dos Menores a cargo”.

MARIA GONZALEZ PAZ

“Con ilusión e ganas, esvaécense os medos e por fin, se alcanzan os soños”

Psicóloga sanitaria, licenciada en Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela en 2010, na especialidade de psicoloxía clínica. Acreditada para exercer a súa profesión polo Colexio Oficial de Psicólogos (colexiada G-4560).

Ampla formación de posgrao: especialista en psicoterapia infantil e xuvenil e en trastornos alimentarios. No último ano fórmase en terapia EMDR, tanto en adultos como en nenos e adolescentes. Ademais de numerosos cursos de formación relacionados sobre todo no ámbito infanto-xuvenil.

Segue ampliando a súa formación en trauma e trastornos disociativos.

Colabora en Espazo Aberto desde marzo do 2017.

MARIA  JOSÉ IGLESIAS FUNGUEIRIÑO

“Coñecerse a un mesmo/a, mirar cara dentro, recoñecerse e aceptarse coas propias luces e sombras é, a veces, un arduo pero necesario traballo para chegar á nosa Ítaca: querernos!”

Colaboradora de Espazo Aberto. Licenciada en Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2000. Conta con formación en Terapia Familiar Sistémica (nos seus niveis, básico, avanzado e supervisión) ademais de diversos monográficos e xornadas neste ámbito.

Experta en Psicoterapia Infantil e Xuvenil e nos últimos anos a súa formación céntrase na intervención e tratamento en infancia e adolescencia desde a perspectiva gestáltica e a intervención terapéutica desde Teoría do Trauma e Apego.

Posúe experiencia laboral e formativa, de máis de 15 anos, no ámbito da promoción da saúde e a prevención de condutas aditivas e enfermidades de transmisión sexual e VIH-SIDA en diversos ámbitos e, en especial, en adolescencia e familia.

Está acreditada para exercer a súa profesión polo Colexio Oficial de Psicólogos (colexiada G-4657) e en posesión do certificado para o exercicio da actividade sanitaria segundo a Lei de economía social 5/2011 disposición adicional 6ª para o exercicio da actividade sanitaria.

Esta web usa cookies propias y de terceros para a) mejorar la navegación b) obtener datos estadísticos de la misma.
Por la navegación se acepta el uso y si no lo desea puede configurar el navegador según informa nuestra Política de Privacidad Configurar Aceptar |